Thursday 02 de May de 2024

Oito establecementos de hostalería da Coruña, finalistas do XVIII Concurso de Tapas Picadillo


Os expertos seleccionan as creacións de oito establecementos dos 52 que participan nesta edición

Son en total 10 tapas: cinco da modalidade ‘Receitario Picadillo’ e cinco da modalidade ‘Creativas’

Os gañadores daranse a coñecer nun acto que se celebrará a principios de decembo

As creacións gastronómicas de oito establecementos de hostalería da Coruña foron seleccionadas como finalistas desta edición por un xurado inicial de expertos colaborador do XVIII Concurso de Tapas Picadillo. Son dez tapas as elixidas polos expertos en gastronomía: cinco tapas da modalidade ‘Receitario Picadillo’ e cinco da modalidade ‘Tapas Creativas’. As tapas seleccionadas, candidatas aos premios desta edición, pertencen aos seguintes establecementos. Na modalidade de ‘Receitario Picadillo’: Casa Surrey, Restaurante Morriña, Roots Coruña, Taberna Triay, Yéboles e A Esquina de Valentina. Na modalidade de ‘Tapas Creativas’: Casa Surrey, Roots Coruña, Mahara Taberna Rock, Restaurante Morriña e Uro
Rest&Club. Dous dos establecementos, en concreto Restaurante Morriña e Casa Surrey, teñen opcións en ambas as modalidades, xa que o xurado seleccionou dúas tapas elaboradas por cada un destes locais.

O Concurso de Tapas Picadillo chegou este ano á edición número XVIII: 52 establecementos da cidade ofreceron 60 tapas creadas en exclusiva para este concurso, con produtos de calidade, desde o día 3 ao 13 deste mes. Das 60 tapas: 22 presentáronse na modalidade de ‘Tapas creativas’ e 38 na de tapas ‘Receitario Picadillo’, inspiradas nas receitas salgadas típicas de Galicia recollidas na famosa obra deste autor (político e experto en gastronomía): “A Cociña

Práctica de Picadillo”. Este concurso, un clásico na cidade, éorganizado cada ano polo Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos. O concelleiro de Turismo e
presidente do Consorcio de Turismo e Congresos, Juan Ignacio Borrego, recibiu hoxe ao xurado desta edición, que realizou un percorrido polos establecementos finalistas.

Xurado do concurso
O xurado profesional encargado de determinar os gañadores desta edición está formado por Carmen Fernández-Gago Puga (Chau), neta de Picadillo; Ignacio Solaina, chef do Restaurante Solaina, en Cantabria, cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol; María Varela, chef da Parada das Bestas (Palas de Rei) e membro do Grupo Nove; Ana Portals, chef do Restaurante Solleiros (Santiago) e Rubén González, chef do Restaurante O Cafetín (Pontevedra), premio á mellor tapa vangardista no Concurso
Nacional de Petiscos e Tapas de Valladolid 2022.

As tapas gañadoras desta edición do Concurso Picadillo daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará a principios de decembro, ademais dos premiados na Categoría Maridaxe Estrella Galicia e do Premio Cidade da Coruña. Máis información sobre os establecementos, as tapas e os roteiros na web: www.tapaspicadillo.es.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores  económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.